CONTACONTOS INFANTÍS

"NATURIZO E O ESPÍRITO DO BOSQUE"

A reciclaxe, a amizade e os contidos sobre o medio ambiente, están presentes neste conta contos onde nenos e nenas participan, sentíndose protagonistas da historia, e aprenden co ourizo o que poden facer para mellorar o medio natural onde viven. Saberán os asistentes cal é a regra dos tres R ou que fai Naturizo no inverno? A través de técnicas de xogo dramático, o público participa na trama da historia, cantando e gozando. A dinamizadora nomeará aos rapaces e rapazas Naturvixiantes despois de pasarlles unhas probas sobre a reciclase e a natureza, e agasallará a cada participante cunha chapa do ourizo mais entrañable da serra de San Mamede, e á Biblioteca cun libro e o peluche de Naturizo.


"MALETAS VIAXEIRAS"

Maletas de distintos tamaños e formas estimularán a imaxinación do público para guialo por países inventados e reais, fantásticos e universais. Mergullarémonos no mar e pasearemos por París ata chegar á muralla chinesa. Fomentaremos a lectura coa teatralización, nun constante xogo de interacción cos nenos e nenas e acompañaremos á ratiña Sofía na súa viaxe polo Universo para descubrir quen é o ser mais poderoso do Mundo; teremos que preguntarlle ó sol, á nube e ao vento, nun xogo de coreografías divertidas, para conducir avións, globos e naves espaciais.E remataremos a viaxe coa maleta cheíña de sorpresas pois despois deste percorrido imaxinario teremos unha nova maneira de ollar o Mundo.


"O SEÑOR DO CASTELO"

"O señor do castelo" é unha contada para descubrir as dificultades de ser diferente e como os amigos poden axudarte a saír do armario cando tes medo.

Dúas pantasmas atopan un castelo no bosque para vivir pero, cando van visitalo, as árbores e os animais advírtenlles que regresen porque non serán benvidas. Felipa e Felipe continúan a visita por todas as dependencias ata atopar ao Señor do Castelo agochado e medorento por sentirse diferente. De que terá medo o señor do castelo? De que tes medo ti? Das sombras? Do lume ou da escuridade?. Un conto para buscar, cantar, bailar e adiviñar, seguindo os xogos da actriz e dinamizadora entre as diferentes estancias dun castelo moi divertido.


"ANIVERSARIO FELIZ"

Este é un conta contos para os pequenos da biblioteca. Unha historia sensorial para gozar en familia. O público está convidado a unha festa de aniversario. Temos bandeiras, globos, velas, unha torta e ganas de divertirnos, pero inesperadamente súmanse á celebración 5 xoaniñas que revolotean ó redor do pastel. Unha perderá os lunares e axudarémoslle a buscalos, outra meterá a pata onde non debe e teremos que salvala. A terceira, a moi lambona, collerá unha indixestión e haberá que coidala, a cuarta ten sono e arrolarémola e a quinta, ten un medo inconfesable. Acougarán as cinco ó redor da torta para soprar as velas e cantar o "aniversario feliz" ? Se ti ves axudarnos, seremos capaces, si.


"NOA NO ESPELLO"

Noa no espello" é unha contada interactiva sobre a igualdade de xénero. Coa implicación constante do público, a través de coreografías e pequenos textos, a dinamizadora presenta á protagonista e os seus problemas: Os gustos de Noa con coinciden cos gustos dos seus amigos, iso lévaa a tomar unha decisión equivocada que fará que se sinta moi estraña; pero a súa avoa vai convidala a mirarse no espello para descubrir ao entrañable monstro que leva dentro e domesticalo.

O espello será o fío narrativo entre o mundo dos contos e a realidade de cada rapaz ou rapaza, pois a súa imaxe no espello devolveralles información para construír a súa identidade, propia e única.